Wednesday 26 de June de 2024

O Concello renova o seu compromiso coa Fundación ADCOR coa firma de dous convenios por un importe total de 84.000 euros


A alcaldesa destaca a importancia do traballo que realiza a entidade en favor da integración, o desenvolvemento persoal e o emprego das persoas con discapacidade psíquica

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou no Palacio de María Pita coa vicepresidenta da Fundación ADCOR, Rebecca S. Ramanathan, dous convenios por un importe total de 84.000 euros para financiar dous dos programas que realiza a entidade: 13.000 euros para o programa de desenvolvemento de persoas con discapacidade psíquica e 61.000 euros para o programa de formación e tránsito á vida adulta das devanditas persoas.

Rey destacou que os convenios coa Fundación ADCOR “contribúen á integración das persoas con discapacidade psíquica da nosa cidade desde dous dos aspectos máis importantes: a súa formación e o desenvolvemento persoal e a posibilidade de que ese desenvolvemento lles permita integrarse no mundo laboral e poidan levar unha vida autónoma e plena”.

A Fundación ADCOR conta cun centro ocupacional para persoas adultas con discapacidade intelectual, de estancia diúrna, destinado a proporcionar a habilitación profesional, persoal e social e conseguir o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais, laborais e posibilidades de integración social.
Neste ano 2024, o Goberno de Inés Rey mantén convenios nominativos por máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, as persoas maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e das súas familias.

Deja un comentario